Cantigas do Ourizo: a Deputación de Ourense apoia o proxecto de cultura e inclusión de DCA Ourense

A Deputación de Ourense vén de conceder unha axuda á nosa entidade para o desenvolvemento do proxecto «Cantigas do Ourizo: as voces do dano cerebral no magosto». Esta iniciativa busca promover a inclusión social e cultural das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e das súas familias, utilizando a recuperación da tradición do Magosto como un espazo de encontro, expresión e identidade colectiva.

O proxecto artéllase arredor de dous obradoiros principais que se levarán a cabo durante os meses de setembro e outubro. Por unha banda, un ciclo de creación artística centrado nos elementos simbólicos do Magosto, onde as persoas participantes elaborarán xogos tradicionais, murais e outros elementos decorativos. Por outra, desenvolverase un proceso musical de aprendizaxe de cantigas populares e pandeireta, guiado por unha monitora especializada en música tradicional galega.

Ambos procesos culminarán coa celebración dun Magosto comunitario na nosa sede, un evento aberto que servirá para visibilizar o traballo realizado e fortalecer os lazos sociais entre as persoas con dano cerebral, as súas familias e a contorna.

Este tipo de proxectos aliñanse plenamente co noso modelo de atención, que entende que a recuperación vai moito máis aló da rehabilitación clínica. A música, a cultura e as tradicións son ferramentas poderosas que conectan coa memoria, reforzan a identidade e abren canles de expresión que ás veces quedan bloqueadas tras unha lesión cerebral. «Cantigas do Ourizo» non é só unha actividade, senón unha oportunidade para tecer comunidade, celebrar as nosas raíces e demostrar que a inclusión real pasa por compartir e gozar da vida cultural en igualdade de condicións.

 

Deja una respuesta