A Deputación de Ourense concede subvención para facilitar a Atención ao Dano Cerebral.

A Asociación DCA Ourense leva a cabo o proxecto «Consolidación da atención integral ao dano cerebral adquirido» grazas ao financiamento de 15.000 € por parte da Deputación de Ourense. Esta iniciativa responde á necesidade de proporcionar unha atención especializada e continuada ás persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e ás súas familias na provincia de Ourense, abordando as demandas tanto nas fases iniciais como crónicas da lesión.

O proxecto ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e fomentar a autonomía das persoas con DCA mediante un servizo integral que combina apoio físico, emocional e social. A través deste proxecto, a Asociación reforza o seu compromiso co benestar das familias e persoas afectadas, promovendo unha mellor integración na vida diaria e un acceso axeitado aos recursos necesarios.

Entre os elementos innovadores do proxecto destaca un programa de sensibilización en centros educativos nos Concellos integrados na Axenda Urbana Área Funcional Ourense Sur impulsada pola Deputación: Ourense, Barbadás, Pereiro e San Cibrao. Este programa de sensibilización foi deseñado para achegar o coñecemento sobre o dano cerebral e promover a empatía e a inclusión desde idades temperás. Quérese fomentar a conciencia social sobre a discapacidade e a importancia de adaptar os entornos educativos ás necesidades de todas as persoas, promovendo un modelo de convivencia inclusiva e sensibilización social.

A Asociación tamén implementou novas técnicas de atención individualizada, así como ferramentas que adaptan a intervención ao estado e evolución de cada persoa usuaria, garantindo unha resposta multidisciplinar e un enfoque holístico que vai máis aló do coidado físico, englobando aspectos de apoio emocional e social que contribúen a unha maior inclusión e benestar​.

 

Deja una respuesta